La Voz de Galicia – 19 de mayo, 2023 →
A comparecencia de Samuel Altman, o director executivo de OpenAI, no Capitolio avivou a conversa sobre os perigos da intelixencia artificial e sobre a necesidade de regulala. Altman falaba de que «o meu maior medo é que nós, a industria, causemos un dano importante ao mundo», e dalgún xeito as súas palabras fixéronme reflexionar sobre aquel libro de Benjamín Labatut que fala dalgúns dos avances científicos máis significativos do século XX, e dos seus perigos. En Un verdor terrible, o escritor chileno fai a unha viaxar entre a realidade e a ficción arredor da vida e obra de científicos tan complexos coma Erwin Schrödinger, Karl Schwarzschild, Werner Heisenber ou Alexander Grothendieck. O libro é difícil de definir nunha columna; segundo confesaba o autor nunha entrevista, «naceu da miña obsesión con certos misterios da historia, da ciencia, da física e das matemáticas»; e logo de falar da singularidade do buraco negro ou dos horrores da Guerra Mundial continuaba coa idea de que «todas estas cousas desafían a nosa comprensión e abren unha porta cara ao abismo».
Respecto á intelixencia artificial, levamos meses escoitando, a través dunha carta aberta do Future of Life Institute, que quizais sexa mellor facer unha pausa no adestramento dos sistemas, pois atopámonos «nunha carreira descontrolada para desenvolver mentes dixitais cada vez máis poderosas que ninguén, nin sequera os seus creadores, pode entender, prever ou controlar». E eu, que non son capaz de entender o que isto significa, sei que sinto un medo infinito e inexplicable que quizais non desapareza nunca, e que me leva de novo aos escuros abismos tan fermosamente recreados por Labatut…