La Voz de Galicia – 31 de mayo, 2024 →
Lía hai uns meses unha entrada no blog de Dan Ariely, o profesor de Behavioral Economics (Economía Condutual ou do Comportamento) da Duke University, que falaba da idea do «anachronistic prejudice», algo así coma o «prexuízo anacrónico». Segundo Ariely, o prexuízo anacrónico é «a situación na que usamos as normas actuais para xulgar algo que ocorreu hai moito tempo», e esta idea produce un nesgo en nós do que non sempre somos conscientes. E a súa proposta para loitar contra este nesgo é imaxinar, por exemplo, «o noso sentido do humor de hai quince anos», e de paso «pensar en canto de probable sería que, no mesmo período, cometeses o mesmo erro polo cal estás xulgando a esas persoas».
É importante tamén aceptar a nosa perda da memoria con respecto a estas cousas cando pensamos en nós mesmos. Eu prefiro nin mirar atrás, pois creo firmemente que todos deberiamos ter o dereito de aprender, mellorar e avanzar no noso camiño vital. Pero vivimos nun momento único con respecto ás nosas responsabilidades co noso «eu pasado», e tamén nun momento único con respecto ao noso xeito de xulgar por xulgar, e de buscar culpables. Por iso quedei rumiando nesa idea do prexuízo que non concorda co seu tempo.
Hai moitos xeitos de mirar ao pasado, ao presente e tamén ao futuro. Pero unha non deixa de preguntarse cal é a maneira máis sabia de facelo? Aprendemos do pasado cos ollos do presente, pois son os ollos que temos, pero que nos leva a sentir que podemos xulgalo con eses mesmos ollos? Non falo do revisionismo histórico do mundo académico, falo do noso día a día, do noso xeito de xulgar os erros do pasado dos nosos veciños, sen pensar en cales foron os nosos.