Anglicismos

La Voz de Galicia – 12 de agosto, 2022 →

Cristina PatoAo meu amigo Carlos, un lingüista de Madrid asentado en Massachusetts, gústalle sacar fotos de carteis nos que se «cometen» curiosas traducións de inglés a español. Ás veces por ser literais resultan graciosas, e outras veces, pola fascinante vida propia que ten o spanglish, as traducións son máis unha interpretación do texto que unha tradución en si.

Durante un tempo, cando vía algunha que me sorprendía tentaba sacarlle unha foto para compartila con Carlos, e sen decatarme funme afeccionando a ese costume… Pero estes días pensei en comezar a facer o mesmo aquí en Galicia, pois o uso dos anglicismos innecesarios está xa tan presente que unha pregúntase cando comezou a espiral do low cost ou o barber shop. Eu mesma, que sen darme de conta practico spanglish e castrapo acotío, asómbrome do rápido que aceptamos todas esas palabras e expresións que realmente non nos fan falta, e do pouco que facemos para non deixarnos levar pola moda de traducir o que xa temos. Por exemplo, esta semana, nun autobús interurbano de Ourense, lin algo así coma «levámoste by the face», e quedei matinando un intre na expresión «by the face» que literalmente significa «pola cara», e no feito de que nunca a utilizara nesoutra vida que habito en inglés… Entón comecei a cuestionar se é que nunca a aprendera: «dezaoito anos alí e non sabía que se dicía by the face!», pensei… Tanto dubidei que tiven que preguntarlle a unha amiga bilingüe americana se coñecía esa expresión, e claro que non, porque resulta que «by the face» é o noso modo de dicir «pola cara» de xeito moderno (ou debería dicir «cool»?) E eu, sen querer, sinto que cada día falo peor as linguas que nunca falei ben.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.