Araujo

La Voz de Galicia – 14 de septiembre, 2018 →

Cristina PatoEstaba a alixeirar un pouco o meu bolso e atopei unhas cantas moedas no fondo dun estoxo: había un iuan chinés, unha rupia india, un peso cubano e unha kwanza angolana. Lembrei que tiña o costume de collelos e levalos comigo no moedeiro para poder darllos ao Araujo cando me topaba con el pola rúa San Miguel. No casco vello de Ourense sempre conviviron os veciños pacientes das noites de ruído cos personaxes máis emblemáticos da cidade. O Araujo era un deles. Non teño moi clara a súa historia, nin tampouco a súa doenza mental, pero o seu costume, cando ía vagando polas rúas de pedra do Ourense máis fermoso, era ir pedindo «un eurito» cun sorriso e unha enerxía contaxiosos.

Creo que o coñecín de pequena, pois axudara a subir un dos pianos que hai na casa de miña nai. Pero a miña interacción con el coincidiu co momento no que saíu o meu primeiro disco. Achegábase a min cun «Cristinita, de onde vés hoxe» e, logo dun anaco de conversa, viña o «Cristinita, un eurito».

Un día, ao baixar do taxi diante da casa de miña nai, paroume para me pedir o «eurito» e eu díxenlle que só tiña rupias enriba (acababa de aterrar da India); entón, ao velas, a súa cara iluminouse, e dende ese día, en vez de pedirme euritos, preguntábame cal era a moeda que lle traía. Coido que os cartos dábanlle máis ou menos igual, que ás veces a conversa era realmente o que quería. Durante anos funlle gardando moedas internacionais para irllas dando aos pouquiños. Pero este ano o Araujo deixounos, e con el marchou a historia dun dos máis visibles personaxes do mundo dos invisibles, do mundo dos que, por diferentes, acaban vivindo da rúa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.