Armas

La Voz de Galicia – 8 de julio, 2022 →

Cristina PatoMañá, 9 de xullo, celébrase o Día Internacional da Destrución das Armas de Fogo. Un deses días que nacen coa idea de concienciarnos sobre o que significa que haxa armas de fogo ilegais arredor de nós, e que nos axuda a ver as cifras que se moven arredor do mercado ilícito de armas pequenas. Por exemplo, no ano 2020 a Garda Civil destruíu un total de 49.100 armas de fogo en España.

A verdade é que, con motivo da efeméride, aprendín un pouco sobre o número de armas de fogo en diferentes lugares do mundo, e sobre o traballo das diferentes organizacións que promoven accións para acabar co armamento ilícito. Pero tamén comecei a reflexionar sobre a realidade das armas de fogo legais, e sobre o que significa saber que, nalgunhas partes do mundo, coma nos Estados Unidos, hai máis armas que persoas. Segundo o proxecto de investigación independente de Small Arms Survey, no ano 2018 no mundo había «mil millóns de armas de fogo en circulación: 857 millóns en mans de civís, 133 millóns en arsenais militares e 23 millóns nas forzas de seguridade». A verdade é que esas cifras fan a unha matinar sobre a paixón pola destrución da condición humana, e sobre a orixe da necesidade de posuír unha ferramenta que acaba coa vida.

Cada lugar do mundo ten as súas peculiaridades, e, aínda que xeneralizar non ten sentido, a realidade é que o complexo tema das armas de fogo nos Estados Unidos é un dos grandes problemas da sociedade norteamericana. Pero vendo as cifras de Small Arms Survey, unha non deixa de pensar nas realidades doutras comunidades menos visibles, e no feito de que os civís fomos capaces de facernos con 857 millóns de instrumentos para rematar coa vida.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.