La Voz de Galicia – 4 de octubre, 2019 →
A poesía do rap chegoume hai vinte anos da man de Gabriel o Pensador, unha especie de filósofo contemporáneo, que escolleu esa linguaxe para expresar o seu activismo social. Nunha da súas cancións falaba cun astronauta e razoaba os motivos polos que quería volver á Terra. Dicíalle: «Fica por aí que é o melhor que você faz. A vida por aqui tá difícil demais», e remataba coa idea de que tendo a afortunada perspectiva de ver o mundo dende a Lúa, por que querería un volver?Tal día coma hoxe do ano 1957 lanzouse ao espazo o satélite Sputnik 1. A ONU celebra esta efeméride coa Semana mundial do espazo, para así lembrar «as contribucións da ciencia e da tecnoloxía espacial ao melloramento da condición humana». Pero esta semana tamén saíu a nova de que Elon Musk, o magnate de Tesla e Space X, xa ten listo o prototipo co que os seres humanos viaxarán a Marte… Entón cismei sobre a utópica idea dun futuro no espazo, e sobre o feito de que, se Musk considera que o está a facer para a supervivencia da especie humana, a realidade é que a experiencia nos amosa que somos nós os que acabamos con nós mesmos. E que, sen un exercicio de autocrítica e de autocontrol, acabaremos con Marte como acabamos con todo.
A ciencia e a tecnoloxía melloran a condición humana de fóra para dentro, pero como melloramos a condición humana de dentro para fóra?
As artes abren unha porta á reflexión e á filosofía. E os artistas que asumen esa responsabilidade axudan a cambiar o mundo tanto ou máis que a ciencia e a tecnoloxía: axúdannos a imaxinar. Xa o dicía Caetano Veloso «Se você tem uma idéia incrível é melhor fazer uma canção. Está provado que só é possível filosofar em alemão»…