Bien y mal

La Voz de Galicia – 18 de abril, 2025 →

Cristina PatoTento cada día facer algo que me faga sentir ben ou que me traia algo de alegría. Sei que pode soar naif, pero coido que nos tempos que corren, nos que cada mañá semella que se vai acabar o mundo, unha ten que agarrarse ao que lle sexa posible para non caer na desidia ou deixarse levar pola apatía. As cousas ás que me aferro son ben sinxelas: dar un paseo co Xan durante o solpor, chamar a miña nai ou as miñas irmás, xogar coa miña cadela… E aínda así, ás veces, esoutra vida na que todo ten que ser para xa métese polo medio, e unha non dá atopado o tempo ou a enerxía para facer as cousas que sinte que quere facer. E entón o día remata sendo un día a medias, ou un día sen sentido, ou un día menos da túa vida.

Non sei se é posible protexerse da maldade, pois está claro que vén soa e sen que ninguén a chame (afortunados son os que nunca se toparon con ela). Pero os días nos que, pola razón que sexa, leo todas as malas noticias do xornal, ou acabo nas redes sociais vendo algo que non quería ver, eses días poden rematar sendo tamén días a medias, días sen sentido… Pois hai mal dabondo no mundo e arredor de nós. Hai tanto mal tan difícil de aturar! E é tan difícil non pensar nel!

Semella que todo dá medo agora mesmo. Cada día rozamos o límite dunha catástrofe, pero a vida continúa, e temos que protexernos dalgún xeito para poder seguir vivíndoa, e intentar non atascarnos na maldade para así poder ver tamén a bondade que arredor de nós facilita a existencia de moita xente. Esa bondade que non ocupa titulares, que non se fai viral, a bondade da que non sempre somos conscientes, pero que se cadra move o mundo dun xeito tan poderoso como a maldade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.