Cambiar el rumbo

La Voz de Galicia – 19 de julio, 2024 →

Cristina PatoLía esta semana un artigo de Pete Wells, un dos críticos gastronómicos do xornal The New York Times, no que explicaba a súa retirada desa mesma sección escribindo que nalgún momento dos últimos meses decatouse «de que xa non tiña fame» e de que el «non era o seu traballo». Supoño que é porque levo catro anos dándolle voltas ao que significa retirarse dun traballo que, sen querelo, acaba por definirte, converténdote en algo que quizais non querías ser. Pero esas palabras de Wells, fixéronme matinar sobre como imos construíndo as nosas vidas para, se cadra, chegar a ter algún tipo de estabilidade, e como polo camiño aparecen esas sensacións, esas revelacións, que fan que teñamos que mudar de rumbo para poder sobrevivir.

Hai xente que atopa o seu camiño de vida na súa profesión, que sente que a súa paixón é a súa vida e o seu traballo, e que conviven en paz con esa realidade. Tamén hai xente que ten que cambiar radicalmente de vida cando o corpo «deixa de ter fame», ou cando lembra que somos moito máis complexos que esa liña que nos define publicamente. E hai xente que simplemente está presente, que colle o seu traballo como o que é, un medio para poder construír unha vida que pouco ten que ver co traballo que a facilita. E quizais algúns de nós pasemos por eses tres xeitos de estar no mundo ao longo da nosa vida, e sintamos que somos varias cousas á vez, e que non temos por que atarnos ao que dixemos que iamos ser.

Quizais soñar con ser outra cousa diferente á que somos, é o que nos fai crecer e aprender, o que nos fai «ter fame» para seguir abrazando a vida coa certeza de que todo cambia, e coa esperanza de que nalgún momento farao para mellor.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.