Campeonato nacional de tute

La Voz de Galicia – 20 de septiembre, 2019 →

Cristina PatoPois parece que gañou o orgullo. Gañou a inmodestia. Coma se non houbese présa por resolver as pequenas inxustizas cotiás. Coma se en tódolos aspectos da vida contásemos con catro intentos para solucionar os nosos problemas.

Semella que a nosa política estatal non é tan diferente aos eternos campionatos de subastado do bar da miña aldea, onde sempre xogaban os mesmos homes, sempre acababan berrando, e se non chegaban ás mans era pola autoridade local: a dona do bar. Pois as únicas capaces de mediar e sacar as cousas adiante eran aquelas viúvas poderosas que parecía que non lle tiñan medo a nada.

Onte, falando das eleccións con miña nai, despois da súa partida de cartas na asociación de viúvas, pensei que non sería tan mala idea montar un partido coas supermulleres que definen a nosa historia. As «viúvas dos vivos e dos mortos» de Rosalía de Castro seguen a estar en activo, sobrevivindo silandeiras ao que lles caia enriba, vivindo co xusto para saír adiante e facendo unha vida con nada. Os macromurais de Joseba Muruzabal (Yoseba MP) fan un labor moito máis grande que ningunha outra institución: visibilizalas e poñelas ao tamaño que merecen.

Pero que pasaría se houbera un partido político liderado por esas heroínas invisibles? Un partido formado por tódalas supermulleres da nosa contorna, que loiten e negocien polo que realmente importa do mesmo xeito que o fan a nivel persoal? Entón a Maruxa e mais eu votariamos de novo.

Seguimos no abismo da pausa. Esperando con desgana o campionato do 10 de novembro, vendo xogar a partida no bar do congreso e especulando cal dos machos habituais conseguirá levar á súa sede o trofeo do tute a nivel nacional…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.