La Voz de Galicia – 7 de julio, 2023 →
Esta semana, lendo as novas con respecto á cancelación de eventos culturais, unha non deixa de reflexionar sobre o que significa que o poder político teña tanto peso na vida cultural deste país. É difícil aceptar que os nosos produtos culturais máis comerciais estean «gobernados» por un poder económico que nin sequera sabemos de onde vén, pero que ten a capacidade de ditar tendencias e estilos que hai non tanto tempo xurabamos que non asimilaríamos. Pero máis difícil é aceptar a realidade de que moita da programación cultural do país depende de organismos públicos que teñen a capacidade de decidir se hai ou non «orzamento» (pois semella que esa é a escusa oficial para as cancelacións) para este ou estoutro espectáculo, evento, ou película.
Dá medo pensar na palabra censura, pero botando unha ollada arredor do mundo, comezando polo noso embigo, unha sente que, dalgún xeito, a palabra (e o seu significado), está a coller forza de novo, manifestándose non só nas cancelacións de espectáculos, senón tamén no día a día da vida cultural, real e virtual. E aínda que non é o mesmo a cancelación da cultura que a cultura da cancelación, a verdade é que unha non deixa de matinar sobre as consecuencias que ten para a sociedade a práctica desas dúas ideas.
Unha realidade na que os artistas poden reflexionar e traducir o mundo que os rodea a través de produtos culturais, fai que nós podamos ampliar os nosos horizontes, axudándonos a entender outros puntos de vista, axudándonos a cuestionar a nosa percepción do mundo, e precisamente por iso é fundamental que sexa nosa, da sociedade, e non dos poderes políticos e económicos que gobernan as nosas vidas.