Cartografías

La Voz de Galicia – 21 de enero, 2022 →

Cristina PatoHoxe pensaba en como sería a vida se nos deran un mapa para navegala. Se ao nacer, ademais dun certificado, nos ofreceran algunha orientación con respecto a como trazar as rutas que nos levarían a unha vida plena. Pensaba tamén no curioso que sería poder utilizar ese mapa para perderse nel, e para inventar camiños novos que nos foran levando por percorridos que nin imaxinamos.

Pero, dalgún xeito, todos nacemos cun mapa na vida, mais é un mapa que non escollemos nós. É un mapa que se crea arredor de nós, a través das expectativas da realidade na que nacemos ou crecemos. Un mapa que non sempre somos capaces de cambiar porque as circunstancias nolo fan imposible, ou un mapa que non sempre nos atrevemos a rachar para así poder deseñar o noso propio itinerario.

Quizais estaría ben imaxinar unha realidade na que todos podemos ser os cartógrafos das nosas vidas, na que é posible pensar até onde queres chegar e por que camiño, e na que, ademais, poidas ter a esperanza de conseguilo. Porque quizais é aí onde se torcen as cousas. Nestes tempos de incerteza, calquera das rutas que tracemos para chegar a onde cremos que queremos ir vanse ver alteradas pola precariedade do presente. E entón só temos dúas opcións: crear unha meta nova, ou buscar outro camiño para chegar a ela. Pois a terceira opción posible, a de desistir, non nos levaría a ningunha parte, e neste mapa vital imaxinario, unha ten que lembrar que a vida é unha navegación constante.

Pero tamén é importante non esquecer que, como escribía T.S. Eliot, cando chegamos a onde cremos que queriamos estar deberiamos deseñar un novo mapa para así non deixar nunca de aprender a navegar a vida…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.