Chelsea Hotel

La Voz de Galicia – 15 de noviembre, 2024 →

Cristina PatoEra un documental sobre o que significa o proxecto de remodelación do histórico Chelsea Hotel de Nova York nas vidas daquelas persoas que aínda viven alí. E ao mesmo tempo era un documental sobre o que significa ter sido algo e converterse en invisible, sobre o cambio e paso do tempo… En Dreaming Walls: Inside the Chelsea Hotel, as directoras Maya Duverdier e Amélie van Elmbt fan un fermosísimo retrato da soidade a través das vidas dos residentes máis vellos dunha institución que foi testemuña da meirande parte dos movementos culturais do século XX. Un hotel que tamén aceptaba residentes a longo prazo, e moitos dos que quedaron organizáronse para non ser expulsados do edificio durante o proceso de venda da propiedade, converténdose así nunha especie de metáfora do que significa sobrevivir en Nova York.

O documental céntrase, entre outros, na nonaxenaria e excéntrica artista Bettina Grossman, na octoxenaria bailarina Merle Lister, e no octoxenario compositor Gerald Busby. E, a diferenza doutros documentais, neste non hai unha narración, non hai un fío que nos guíe, aquí es ti a que tes que escoller con que ollos queres mirar todas esas historias que se entrevén pero que non se contan…

Supoño que é porque levo un par de anos intentando escribir unha historia sobre a soidade, e que por iso ao ver a película sentín un calafrío deses que me deixan un par de días matinando. «Como é posible ter vivido tanto e rematar tan soa?», preguntábame; «e que hai de malo niso?», respondíame. As historias dos vellos do Chelsea Hotel non son tan diferentes ás nosas: cando deixamos de ser o que fomos, desaparecemos. E se non somos vistos, deixamos de existir?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.