La Voz de Galicia – 3 de mayo, 2026 →
É curioso, porque aínda que levo toda a vida navegando entre clases sociais, sigo sen ser capaz de entendelas. Veño dunha familia coma tantas outras, pai autónomo, nai “sus labores”, tres irmás por habitación, roupa que, cos seus apaños, pasou de irmá a irmá, horta que abasteceu a toda a familia até a morte do pai (que era o que conducía), coche sempre de segunda man, mobles que se arranxan até que rachan co peso dos anos…
Grazas á intuición da miña nai, e a ese saber estar que nos obrigou a aprender, conseguín adaptarme a máis ou menos todas as realidades que me tocaron vivir, desde os anos nos que a fama non me deixaba saír tranquila da casa, até os anos nos que, polo meu traballo con Yo-Yo Ma, acababa no Foro Económico de Davos ou na Casa Branca de Washington. E aínda que me sinto ben por non ter perdido a cabeza polo camiño, hei de recoñecer que hoxe en día, cando a miña vida social é cero, e o meu perfil público é máis ben baixo, é cando máis consciente son do nivel de desconexión que hai entre as clases mais podentes e o resto da sociedade. Tampouco teño claro a que clase pertenzo eu, quero crer que á mesma dos meus pais, aínda que as miñas circunstancias sexan mellores cas deles.
Moralmente, e con orgullo, nunca sairei da clase da que veño, pois polo feito de navegar durante anos a través do privilexio de outros, fun capaz de decatarme de que vaia como vaia a miña vida profesional non quixera eu pertencer a esoutra clase para a que non sei se teño nome, esa que, a pesar de vivir arredor de nós, parece que non é consciente do complexa que é a vida para a meirande parte da xente. Esa que, vivindo de costas á realidade, xa domina o mundo.