Columna de libros

La Voz de Galicia – 18 de agosto, 2023 →

Cristina PatoOs tres libros levaban aí, enriba da mesa, desde o verán pasado, na columna de «libros esperando a ser lidos», xusto detrás da columna de «libros que teño que ler», e a carón da columna de «libros que lle recomendo ao Xan». As columnas están por todas partes, tanto na casa do rural de Galicia coma no apartamento alugado de Nova York, no que as columnas de libros serven de pequenas mesas que soportan outras cousas, pois xa non queda espazo para máis no meu Liliput particular.

O caso é que esta semana caeron tres da columna de «libros esperando a ser lidos» (que é onde que acaban os libros regalados, emprestados ou recomendados). Un era de Berta Dávila, outro de Vanessa Montfort e o outro de Aki Shimazaki. Por algunha razón lin un detrás do outro, e entón pensei que cando leo a destempo un libro que non escollo eu é que non lle tocaba ser lido até este momento. E é curioso, pois agora que boto a vista atrás a meirande parte dos libros que me marcaron son libros que non escollín eu. E aínda que a columna de «libros que teño que ler» (que son os libros que me recomendo a min mesma) é igualmente fascinante, a columna de «libros esperando a ser lidos» ten un algo de misteriosa, pois eses libros sempre me aportan algo diferente do que eu buscaría, e sempre se deciden a saír da columna cando os necesito, cando preciso dunha historia contada así. Tamén pensei que ás veces os libros nos escollen a nós, do mesmo xeito que o fan as cancións (que aínda que non queiras acaban formando parte da túa memoria musical), e deille as grazas en silencio ás tres persoas das que viñeron os libros, e tamén ás tres escritoras que me axudaron a crecer esta semana.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.