La Voz de Galicia – 5 de abril, 2026 →
Ás veces páranme pola rúa para comentar unha das miñas columnas. Unhas veces preséntanse, outras veces non. Emociónanse falando daquela columna que lles fixo pensar na súa nai, na súa avoa, na súa irmá, nela mesma. E entón emociónome eu tamén. Pois emocionarme dáseme ben. Pero hai algo realmente especial en conectar coa xente a través da palabra escrita, pois é unha conexión en diferido… Na miña anterior profesión todo era instantáneo, subías a un escenario, dabas o teu concerto, e tiñas unha resposta case automática da túa interpretación. As emocións do público aparecían no mesmo momento que eu as sentía, e aínda que tamén había momentos en diferido, como as gravacións de discos, ou as actuacións en televisión, eu sempre me considerei música de directo, música do instinto do aquí e agora, e para min esa ponte de harmonía entre a música e o público era algo máxico e imposible de describir.
Coa escrita a emoción queda plasmada nun texto que quizais se lea quizais non (non o sabes cando o fas). Ás veces é unha emoción profundamente sentida que, con sorte, son capaz de converter en palabras. Outras veces é un pensamento que non son quen de descifrar, e que coa columna consigo darlle algo de forma, pois teño que ser concisa e transmitilo en 1.700 caracteres con espazos. E quizais neste momento, no que todo vai tan ás présas, e no que está claro que correr xa non ten ningún sentido (cando é que se acaba o mundo?), síntome máis afortunada ca nunca de ter escollido un camiño que me obriga a ir amodo, e que me leva a emocionarme cada vez que alguén me para pola rúa para contarme esa parte da súa historia que rexurdiu ao ler unha destas columnas…