La Voz de Galicia – 9 de septiembre, 2022 →
Escoito o son dos segundos no reloxo e dáme a sensación de que van máis rápido do normal. Pecho os ollos para ver se consigo durmir, pero o punteiro semella que vai acelerando, e canto máis intento non centrar a miña atención nel, máis segura estou de que o tempo colleu un ritmo diferente ao meu. Entón comezo a pensar en cando foi a última vez que sentín o contrario, a última vez que sentín a lentitude dos segundos que non dan pasado e das horas estancadas, e intento ver se son capaz de escoitar o tempo en tempo real. Pero descubro que non, que por algunha razón o meu tempo ten présa, e eu non son quen de calmalo.
Que curiosa é a sensación de intentar controlar a impresión do tempo! Para adiante ou para atrás, hai algunha xente que loita contra el deseguido, e outra que o navega con naturalidade. E aínda que a pandemia nos levou a reflexionar sobre o seu valor (e a algúns a cambiar radicalmente de vida), eu aínda sigo transitando entre o ritmo no que estaba e o ritmo no que estou. Pois adaptarse aos cambios leva o seu tempo, un tempo propio que nada ten que ver cos minutos e as horas, e que nos ensina que hai que aprender a esperar por el sen contalo.
Ás veces veloz e outras veces vagaroso, cando contaba os segundos na cama pensaba na maxia de facer que o tempo espere por nós. No fermoso que sería non ter que estar a súa mercé, e poder conxelalo xuntando os dedos (como facían naquela serie americana dos anos oitenta) cando nos decatamos de que non estamos a sentilo do xeito que debemos. Cando sabemos que, aínda que non queiramos, vivimos ou nun tempo pasado ou nun tempo futuro, pero non neste presente tan complexo que non damos evitado…