La Voz de Galicia – 14 de xuño, 2026 →
Preguntábame eu estes días cales serán as cinco ou dez historias que contarei continuamente na miña vellez. E por que son esas e non outras as que quedan gravadas na memoria. En realidade, xa o fago agora, sen ser aínda vella. Son consciente de que cando preciso encher un momento cunha anécdota, con algo interesante, tendo a repetir tres ou catro historias coma se fosen as máis especiais ou relevantes, cando a verdade é que quizais sexan esas as escollidas por comodidade, porque son as primeiras que viñeron á miña cabeza, e por non pensar máis, son as que repito sempre. Corenta e cinco anos de vida, vinte e cinco anos de carreira na música, quince na docencia e doce na escrita reducidos a como moito dez anécdotas.
Cando estou con xente mais maior, en especial coa miña nai, e sento a escoitala sen interromper, adoito quedar cos diferentes detalles das múltiples versións que dan dunha mesma historia. Ás veces incluso dáme por anotalos. Pois no caso da miña nai, a mesma historia, nun mesmo día, pode cambiar de suxeito, de contexto ou de época, sen que varíe a súa esencia. É algo fascinante o que fai a nosa imaxinación coas cousas que, polo que sexa, quedan aí pululando esperando a ser contadas, estiradas, manipuladas e terxiversadas sen que sexamos moi conscientes do que facemos con elas. Pois a meirande parte dos mortais, cada vez que accedemos a unha memoria modificámola sen querer.
E que pasa coas infinitas memorias que xamais narramos?, en que lugar están agochadas? Se cadra deberiamos esforzarnos un pouco máis para lembrar aquelas cousas que nos fixeron crecer como persoa, para así deixar de repetir esas versións de nós que xa nada representan…