Contradicción

La Voz de Galicia – 1 de agosto, 2025 →

Cristina PatoLía o outro día unha nova neste xornal que dicía que «oito de cada dez residentes en Galicia naceron na comunidade, máis da metade nin cambiaron de concello», que o 84 % da poboación galega é autóctona. Unha idea que me levou a matinar sobre aqueloutro estudio xenético creado en colaboración entre científicos das universidades de Oxford e Santiago, e publicado en Nature Communications. Unha investigación na que quedaba clara a «subestrutura xenética» da comunidade, é dicir, citando a R. Romar, que foi o que «traduciu» a nova para este xornal no 2019, «na comunidade existiu unha especie de endogamia secular perpetuada no tempo». Un dos investigadores dese estudio, o grande Ángel Carracedo, dicía no seu día que, a diferenza dos seus colegas británicos, el non estaba sorprendido por eses resultados. E eu, desde que saíu aquel estudio, quedei fascinada por esa endogamia particular que, dalgún xeito, nos define.

Por iso, cando saía esa outra nova sobre o apego á hora de escoller un lugar para vivir, pensaba nese pulo constante que describía Castelao no seu Sempre en Galiza cando falaba da emigración: «Hai unha forza que nos empurra cara o mundo e outra que nos xungue á terra nativa». Ese pulo ao que me levo agarrando desde que, hai vinte e dous anos, fixei a miña residencia moral entremedias, entre Ourense e Nova York. E desde esa perspectiva, a da persoa que ten dúas vidas que sabe que nunca poderá conciliar, miro cara esta nova cunha especie de melancolía, pero tamén cunha vontade de entender a complexa relación entre o que somos e o que dicimos que somos. Pois como filla dunha xeración de emigrantes, non deixamos de ser unha peculiar contradición…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.