La Voz de Galicia – 29 de marzo, 2026 →
Hai que ver a cantidade de cousas que se lle poden pasar a unha pola cabeza nun só minuto. Hai días nos que son capaz de cambiar de opinión sobre un tema de vital importancia en menos dun segundo (ou de ter dúas opinións opostas á vez). Por exemplo, sen saber moi ben por que, de súpeto penso “aquí non pinto nada”, e ao mesmo tempo “estou onde quero estar”. E teño un pequeno dilema que dura o que dure ese pensamento. Pero ás veces eses pensamentos duran máis do que unha desexa, e entón habito unha ambigüidade existencial difícil de explicar, que me leva a cuestionar todo o que fago e deixo de facer.
A mente de cada un é un mundo. E neses días nos que, polo que sexa, comezas a reflexionar sobre o destino da túa vida, sobre o teu futuro e o dos que te rodean, sobre o que virá; neses días, é cando esa dualidade é mais dolorosa, porque sen querelo son capaz de tomar dúas decisións contrarias á vez, e vou cargando con elas sen saber ben que facer. É difícil pensar no futuro cando non tes moi claro o camiño, pero é aínda máis difícil non deixarse levar pola apatía de non escoitarse para saber cales son as razóns que nos levan a ter opinións encontradas nun mesmo momento; sexan estas cuestións vitais, profesionais, ou morais. Por moi complexo que sexa, ás veces penso que se hai ambigüidade no meu pensamento, se teño dúbidas, é que vou polo bo camiño, pois é importante poder cuestionalo todo para atopar unha resposta. Pero en temas existenciais, esa resposta non sempre chega, e acabas no teu limbo particular habitando ese espazo que hai entre ir e vir, marchar e quedar, falar e calar, estar e non estar… e entón que fas? Seguir camiñando… é primavera.