La Voz de Galicia – 20 de enero, 2023 →
A realidade está chea de contradicións, e, aínda que unha intenta entender as razóns que nos levan ás situacións máis complexas, a verdade é que por entendelas non se fan máis doadas. Esta semana, nos Estados Unidos, celebrábase o día de Martin Luther King Jr., co que se lembra o legado do líder da loita non violenta no Movemento dos Dereitos Civís, e que vai unido ao Día Nacional do Servizo, animando á sociedade a practicar o voluntariado, pois «ser cidadán implica asumir un papel activo na mellora das comunidades». Nesta efeméride, o lema escollido pola cidade californiana na que me atopo foi unha cita de Martin Luther King Jr.: «A pregunta máis persistente e urxente da vida é: que estás facendo polos demais?».
O caso é que esta semana tamén foi o xuízo en contra de, entre outros, Sarah Mardini, a nadadora e refuxiada siria que se convertera en heroína no 2015 por arrastrar a nado, xunto coa súa irmá Yusra, a embarcación na que viaxaban 18 refuxiados (coma elas) e que estaba a piques de afundirse no seu camiño á illa de Lesbos. Mardini, que se refuxiou en Alemaña, comezou a traballar como voluntaria nunha organización humanitaria grega de busca e salvamento marítimo en Lesbos; e foi alí onde, no 2018, foi detida polas autoridades gregas por axudar aos que se estaban afogando no mar, por «tráfico de persoas».
O xuízo, tachado como « maior caso de criminalización da solidariedade en Europa» polo Parlamento Europeo, axúdanos a ver que esa idea de servizo da que falaba Martin Luther King pode atoparse no nós individual, pero non sempre no nós colectivo: nas institucións que negan dereitos tan fundamentais coma o dereito ao asilo, o dereito á vida…