Cuarentena

La Voz de Galicia – 19 de noviembre, 2021 →

Cristina PatoQuedan corenta e dous días para rematar o ano, e unha non deixa de pensar canto de este ano nos levaremos para o próximo. Esta falsa normalidade na que nos atopamos axúdanos a seguir cara adiante sen ter que razoar moito sobre o que temos pasado, pero quizais ese sexa o noso problema como sociedade. Pois neste ritmo acelerado que usamos para consumir novas, comida e as nosas vidas, non sempre contemplamos o tempo necesario para reflexionar.

A pandemia aínda está aí, presente, arredor de nós. Co incremento dos casos, vemos como se impoñen as restricións nas comunidades veciñas, e supoño que en breve aceptaremos de novo as que nos toquen a nós, pois realmente non podemos facer outra cousa máis que aceptalas. Pero, que supón esta nova etapa na que, a pesar de estar vacinados, seguimos co medo no corpo? En que momento decidimos que xa pasou todo, que podemos seguir coma se nada?

A pasada semana, cando concluíu en Glasgow o Cumio do Clima, a prensa americana falaba do decepcionante xeito que tiveron de cambiar a linguaxe que repercutía nun dos problemas máis graves relacionados co cambio climático: as emisións de dióxido de carbono. Falaban da diferenza que había entre phase out e phase down, é dicir da diferenza entre «eliminar gradualmente» e «reducir gradualmente». E ironicamente pensei que, polo menos, tiveran a dignidade de non mentirnos á hora de dicir que realmente non ían facer moito máis para mellorar o mundo. A linguaxe arredor da pandemia tamén mudou, e con ela mudamos nós. Mais eu só desexo que reflexionemos sobre o que pasamos, e actuemos para que estes corenta días que lle quedan ao ano non se convertan nunha corentena máis.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.