La Voz de Galicia – 25 de febrero, 2022→
Estes días deume por pensar na palabra servizo, pois é unha desas palabras que teñen un significado lixeiramente diferente nas dúas linguas nas que navego acotío: galego e inglés. En inglés, service ten moitas acepcións, pero unha delas está relacionada coa idea de axudar, de facer o ben, de servir á comunidade… Unha acepción que no noso dicionario aparece coa frase feita: «dar servizo», pero non na propia definición da palabra. Cando pensamos en servizo, non sempre temos ese significado na cabeza.
E é curioso, porque a idea de servir á comunidade, de aportar o que tes para mellorar a túa contorna (xa sexa tempo, cartos, enerxía vital ou empatía), é algo que forma parte da nosa identidade cultural, tanto na nosa terra coma na emigración: dalgún xeito servímonos os uns os outros e grazas a iso sobrevivimos.
A miña irmá Teté falábame do traballo que fai para as súas veciñas desde hai algúns anos. Teté, a enxeñeira técnica industrial, a que manexa grandes equipos en grandes obras, tamén fai «apoio técnico» (como lle chama ela) nas casas das mulleres maiores que viven soas no seu barrio. Contábame que se sentían cómodas tendo unha muller que lles reparaba desde o televisor ou o lavalouza até a instalación eléctrica. E canto máis describía esas actividades que fai porque si, porque quere, porque lle gusta poder contribuír, máis pensaba eu na idea de que servizo é precisamente iso, sentir que unha serve para algo máis ca súa propia existencia, sentir que temos a responsabilidade de contribuír sen esperar nada a cambio, sentir que ese é o único xeito que temos de virar o rumbo do mundo cara a cultura da empatía, a cultura da xenerosidade…