La Voz de Galicia – 8 de Diciembre, 2017 →
Entrar no autobús é sempre unha pequena festa. É cedo, algúns veñen de Vigo, outros de Caldas ou de Santiago, e os de Ourense, dende hai un ano, temos que conformarnos con ir ao Porriño a collelo. Pero aínda así paga a pena: o voo do Porto a Newark é directo, e a diferenza entre voar directo ou voar con conexión é grande; non tanto polas horas de espera nos outros aeroportos, senon pola posibilidade de perder o enlace e non poder voar até o día seguinte. Imos parolando, pregunto canto tempo levan alí: «eu xa nacín alí», «xa nin me acorda», «o dobre dos que ti tes», «e canto levas ti?». E ao chegar ao cartel de benvida a Portugal xa estamos todos medio durmidos e o silencio só racha cando a Rádio Comercial ocupa a emisora da radio anterior. É incrible como en apenas dúas horas de traxecto un grupo de descoñecidos convértense en familia polo simple feito de compartir a experiencia da emigración. O avión vai sempre cheo de maiores de setenta, especialmente nesta época do ano na que os galegos e portugueses, que noutrora habitaron o barrio do Ironbound de Newark, volven aos EE.UU. para pasar o inverno coas súas familias de fillos e netos que xa naceron na emigración e que, aínda que conservan as súas raíces, saben que a vida segue sen ser máis fácil ao outro lado do océano. Ao chegar ao aeroporto sentei un chisquiño fóra para tomar o aire (para variar mareeime no bus). Un home maior e ben arranxado pediume cartos. Pregunteille cara a onde ía: «Se tivese cara a onde ir non pediría», respondeu sorrindo, e eu, alí sentada, quedei pensando na idea de se ter ou non ter cara a onde ir é o que nos define. E el seguiu falando: «Veño todos os días ver os avións pasar…».