La Voz de Galicia – 3 de julio, 2020 →
Chameina para darlle as boas noites, e a Maruxa, asustada e coa tele a todo volume, dixo «que ben estaba na túa casa», «e logo, mamá?», «pois como non tes tele non teño que ver desgrazas». E entón pensei no complexa que ten que ser esta etapa para aqueles que hai tempo que pasaron á súa propia «nova normalidade» cando tiveron que aprender a ser dependentes. Pensei no afortunadas que fomos porque, por primeira vez en moitos anos, puidemos estar xuntas cando máis nos necesitabamos. Pero tamén pensei nas súas compañeiras da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (Afaor), e no sorriso co que saía a miña nai despois de ir «ao seu traballo».
A Maruxa volveu á súa casa despois dun confinamento na miña. Volveu á súa normalidade, coa ilusión de retomar as súas rutinas. Reconectou coas actividades da Asociación de Viúvas María Andrea, que lanzara unha fermosa iniciativa de voluntariado durante o confinamento. Pero a realidade é que esta desescalada na que nos atopamos non afecta á xente que, coma ela, precisa de estimulación cognitiva para non deteriorarse máis. Semella que os centros de día non poden abrir até setembro, e a pesar de que unha entende o complexo da situación, especialmente no caso das demencias, unha non deixa de preguntarse que estará a pasar con todos aqueles usuarios que dependen destes centros para tentar frear unha enfermidade sen cura.
E no corazón dos viños de Ourense, onde a nova normalidade nocturna é tan ruidosa coma a outra, cruzamos os dedos para que os habitantes máis maiores da provincia máis avellentada de España poidan recuperar as súas vidas do mesmo xeito que o fan os que volven gozar dos bares.