El habla

La Voz de Galicia – 9 de noviembre, 2025 →

Cristina PatoÉ curioso, pois cando escoito falar á miña nai en galego ou en castelán, penso que son dúas persoas distintas. Segundo a lingua que escolla en cada momento, sen decatarse,
cambia o seu xeito de expresarse, a súa voz, os seus xestos, a súa entoación… É alguén tan diferente que, aínda hoxe, non é capaz de ter unha conversa longa comigo en
galego, pois no momento no que cae na conta de que ao outro lado do teléfono estou
eu, e non unha das súas irmás, de súpeto cambia ao castelán e non hai xeito de volver
atrás. Porque a nai que me criou fala castelán, e a irmá das súas irmás fala galego,
galego da Bola. E nunha mesma Maruxa hai dúas mulleres distintas segundo a lingua
que fale.

Cos anos aprendín que, por graza ou por desgraza, herdei iso dela. Que a Cristina
galegofalante é diferente á Cristina castelanfalante, que nos expresamos de xeito
distinto a pesar de ser a mesma persoa, e que non sempre é doado falar noutra lingua
que non sexa a habitual desa relación. O caso do inglés é máis sinxelo, pois para min é
unha lingua adoptada que aprendín de adulta. E a pesar de que o Xan e mais eu levamos
dúas décadas habitándoa, en privado resultaría ridículo para os dous falar inglés, pois
non é a lingua da nosa relación… Pero ás veces tamén é complexo falar galego con
aqueles que, como a miña nai, xa decidiron (inconscientemente) que contigo falarían
castelán (sempiterna diglosia!).

Tendo a preguntarme que partes de nós quedan agochadas cando mudamos de lingua,
ou cando mudamos de rexistro nunha mesma lingua; que queremos amosar, ou
esconder, cando decidimos expresarnos dun xeito ou doutro. Somos realmente o que
falamos, ou o que falamos fainos a nós?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.