El invierno

La Voz de Galicia – 21 de diciembre, 2025 →

Cristina PatoHoxe entra o inverno. Un inverno gris, chuvioso, frío. Como ten que ser o inverno nesta parte do mundo. Unha estación que comeza co día máis curto do ano e a noite máis longa. A noite máis longa! E é curioso pensar como muda o humor, o estado de ánimo, o espírito de cada un nesta época. Se cadra polo ímpeto dunhas festas que nos invaden coa obriga de sentir felicidade, se cadra porque si, porque a luz do día alumea menos tempo ou porque o tempo non axuda a que fagamos vida social… Pois aínda que non queiramos, aínda que non nos sintamos con ganas, nalgunhas ocasións a vida social axuda a que nos sintamos algo mellor.

Atribúese a Goethe a cita de que “ás veces o noso destino aseméllase a unha árbore froiteira en inverno. Quen pensaría (…) que esas ramas ríxidas reverdecerán e florecerán na primavera?”. E nestes días nos que o mundo anda tan revolto, nos que a humanidade nos asusta coa súa crueldade, unha ten que aferrarse a aquilo que traia algo de esperanza: un poema, unha canción, un café cun ser querido… Quizais o máis complexo destas datas sexa atopar o equilibrio entre o que sentimos e o que se supón que temos que sentir, ou o equilibrio moral entre as nosas circunstancias e as dos que nos rodean, ou simplemente o equilibrio… que difícil é atopar o equilibrio!

A natureza ensínanos acotío que todo cambia arredor de nós, que todo está conectado: esa choiva con ese verde, ese frío con eses grelos. Ensínanos que, a pesar das circunstancias, a vida segue, dun xeito ou doutro. E nós, no medio de todo iso, temos que aprender a convivir coa realidade que nos tocou, pois sempre houbo invernos grises, pois “nunca choveu que non escampara”…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.