La Voz de Galicia – 20 de diciembre, 2024 →
E así, de súpeto, chega o inverno. É curioso, porque vén todos os anos, e, aínda así, sempre me colle por sorpresa. Xa estamos en inverno? Xa chegou o Nadal? Se hai nada era setembro! Chega o frío, os ombreiros encollidos, as dores nos dedos das mans, as bufandas, os guantes. E no medio de todo iso deume por pensar que igual que chega tamén marcha, e de repente será primavera, ou verán, e botarei en falta o inverno, ese inverno no que aínda non estamos e do que tanto me queixo.
Sentada na casa da miña nai, penso nos invernos de cando era pequena. Nos tempos nos que as calefaccións non estaban para quentar as casas, senón para que non fixese moito frío dentro delas. E penso tamén nos invernos da nenez da miña nai, dos que pouco sei, pero que podo imaxinar duros (no rural dos anos corenta no corazón da Galicia profunda). E entón síntome mal por queixarme de que sempre teño frío… O frío non me deixa estar, non me deixa pensar. O frío abre en min esoutro lado no que o único que quero facer é estar encollida esperando a que marche ese frío que se mete no corpo e non dá saído.
Cada persoa é un mundo: na miña existencia o frío é un inimigo, pero ben sei que non todos o padecemos do mesmo xeito. Hainos que mesmo gozan del, igual que eu gozo da calor do verán, ese verán que tan lonxe parece que está e que chegará así de súpeto, cando deixe de ter frío.
Quizais o que quero dicir é que, a pesar das estacións, o tempo pasa cada día máis rápido. E, entre o frío e a calor, entre a apatía e a euforia, entre as alegrías e as tristezas, vai pasando a vida, correndo, sen darnos tempo a entender que hai nada foi inverno outra vez, o mesmo que será mañá.