La Voz de Galicia – 10 de abril, 2020 →
Estes días unha pregúntase cal é o valor que lle damos ás cousas cando non as temos, ou cando simplemente non podemos acceder a elas. Pasear pola tardiña, ou poder camiñar collidos da man. Sentar a tomar un café e ler o periódico, ou ollar os libros na libraría. O recendo a comida da rúa dos viños, ou o son dos rapaces xogando na praza… estas son algunhas das cousas que eu boto de menos. E entón venme á cabeza esa canción de Sorrisos e lágrimas na que Julie Andrews, para animar aos rapaces nunha noite de tormenta, comeza a crear unha canción sobre as súas cousas favoritas. O My Favorite Things de Rodgers e Hammerstein que tantas veces me salvou a vida, facéndome «lembrar as miñas cousas favoritas, para non me sentir tan mal».
Tanto se son tanxibles coma se son intanxibles, o valor que lles damos ás cousas flutúa segundo o momento. Pero hai cousas que non sempre se valoran de xeito material e que importan máis ca nunca. E estes días, nos que a cultura en xeral, e as artes en particular, están máis presentes ca nunca facéndonos acceder á nosa imaxinación para poder evadirnos dunha realidade complexa; estes días deberían facernos reflexionar sobre o valor da cultura, sobre o que significa e o que engloba. Pois cultura somos todos: os das artes, os das ciencias, os das humanidades, os dos bares e os furanchos, os do turismo, os da docencia, as da asociación de viúvas e o clube de bolillos… Cultura é comunidade. Realmente estamos todos nisto e non todos van poder permitirse adiar as súas vidas.
Pero, cales son as medidas necesarias para que ese Nós Cultural poida sobrevivir ao que semella un futuro tristemente incerto? E quen as ten que tomar?