La Voz de Galicia – 28 de junio, 2019 →
Non tiña ganas de ler máis, só quería desconectar un pouco de tódalas cousas que teño pendentes e que non dou rematado. Decidín que ía desconectar aprendendo, así que comecei a buscar documentais na rede, e de casualidade caín nun chamado The Death and Life of Marsha P. Johnson, dirixido por David France. Vivo no barrio onde ela pasou a súa vida, e paseo acotío pola fonte que leva o seu nome, a fonte que marca o lugar onde apareceu morta no ano 1992, pero non coñecía a vida desta histórica drag queen.A señora Jonhson foi unha das activistas do movemento polos dereitos da comunidade LGBT. Fixo historia por moitas razóns, pero unha delas é o feito de que formou parte das revoltas do Stonewall Inn de Nova York, tal día coma hoxe, hai cincuenta anos. Unha redada policial que marcou a orixe da loita organizada polos dereitos LGBT, e que foi un dos detonantes dos diferentes movementos pola liberación, dando pé a que durante este mes de xuño celebremos a festa do orgullo.
O documental narra a historia dunha muller cunha vida complexa, unha drag queen que viviu nas rúas, e que lidou non só coa realidade de adiantarse ao seu tempo, senón tamén coa da sida e das drogas do Nova York dos anos 70. Foi modelo de Andy Warhol e pioneira no activismo polo dereitos da comunidade transxénero.
No ano 1992 apareceu morta no río Hudson. A policía cualificouno como un suicidio e non comezou a investigar as causas do seu falecemento até o ano 2012. Pero este ano Marsha terá o seu monumento no seu barrio. E, aínda que nos queda moito para que a sociedade acepte tódalas versións de nós mesmos, a historia de Marsha é tan conmovedora que nunca debe ser esquecida.