La Voz de Galicia – 13 de diciembre, 2024 →
O outro día falaba cunha amiga sobre o curioso que é coñecer o «outro lado» da xente. Pois dalgún xeito todos somos varias persoas ao longo das nosas vidas, incluso ao longo dun só día. E para os que teñen un traballo de cara ao público, sempre existe unha vida pública e unha privada, na que se cambia de rexistro segundo o contexto no que se estea.
Nós falabamos dun contexto moi concreto, que é o mundo das artes escénicas, no que a vida pública dos protagonistas é tan pública que a xente ao seu redor tende a comportarse dun xeito diferente ao que se comportaría con outra persoa que non tivera un perfil así. Discutiamos sobre as diferenzas de trato relacionadas con iso, e sobre o que pasa cando unha persoa desaparece desa vida pública ou dese circuíto. Pero canto máis conversabamos máis pensaba eu que hoxe, sen decatarnos, a meirande parte da poboación xa ten un perfil público, por cortesía das redes sociais, e o xeito de relacionarnos nel pode ser ben diferente ao noso xeito de relacionarnos en persoa…
Por graza ou por desgraza o outro lado da xente está máis presente ca nunca. Aparecemos con filtros nas redes, e sen filtros en persoa, pero tamén con filtros no cotián, e sen filtros nas redes. Sen darnos de conta, cada día lemos insultos, opinións e comentarios que probablemente nunca serían ditos cara a cara; e que dalgunha maneira tamén nos afectan. Coido que aprender a existir e a relacionarse é moito máis complexo hoxe do que o era na miña infancia, e aínda que non son nai, cando penso en todo iso penso no difícil que ten que ser pasar a adolescencia esquivando esa violencia que, a través das redes, chega sen control por todas partes…