La Voz de Galicia – 4 de enero, 2019 →
Cando naces e creces na zona vella de Ourense tódolos monumentos parecen teus, forman parte da túa vida, da túa identidade. Dende a fonte da praza do Ferro á catedral podía chegar de cinco xeitos distintos, con ou sen pendente, cun arrodeo ou directa, e por cada un deses camiños redescubría a beleza dunha cidade que sempre viviu de fronte e de costas ao seu patrimonio, que nunca soubo moi ben como protexer o seu e, de paso, facelo sostible.A catedral de Ourense era o meu lugar máxico. Ía acotío, ás veces para acompañar a miña nai, pero a meirande parte das veces ía soa a dar voltas polo deambulatorio para cavilar, desconectar ou, simplemente, non pensar. Sempre baleira durante o día, era un lugar fermoso para perderse no infinito da mente dunha mesma e atopar respostas ás preguntas que aínda non me fixera. Na zona vella de Ourense, o miolo da esmorga, podías atopar de todo no teu camiño á catedral. Entrar nela nos anos noventa era como entrar nun paraíso dentro dun pequeno inferno.
Estes días, lendo sobre o intricado sistema das visitas ao pórtico da Gloria, quedei matinando sobre o impacto que tivo a restauración do pórtico do Paraíso no meu xeito de entender a catedral. Por unha banda, invito a todos aqueles que quedan fóra do pórtico de Santiago a peregrinar ao de Ourense e ver a nosa esquecida xoia, e, por outra, coido que hai tempo que xa non podo ir pensar alí: as audioguías e as visitas en grupo que fan do templo un museo traen as súas consecuencias. Supoño que teremos que afacernos a pagar pola beleza do noso patrimonio, pero o prezo e as formas é o que me fai cuestionar cal sería o xeito máis adecuado de sostelo e compartilo.