El robot

La Voz de Galicia – 24 de mayo, 2026 →

Cristina Pato‘Os robots autónomos que andan polas rúas repartindo comida e cos que me cruzo acotío cando vou ao estudio do Xan en Jersey City, non teñen forma de persoa, senón que son como caixiñas con catro rodas e infinitas cámaras, e unha especie de pantalla na que podes ver os seus ollos de robot, que pestanexan e proxectan emoticonas cando os miras. Xa non lles presto moita atención, pois levan tempo operando polo barrio; o único que fago cando nos cruzamos é asegurarme de que a miña cadela non tropece con eles.

Pero o outro día, ao rematar a xornada, sentín algo curioso cando me decatei de que un deses robots estaba perdido. No complexo industrial onde está o estudio do Xan é normal tardar un chisco en atopar o edificio ao que queres chegar (pásalle tamén aos humanos), mais mentres vía á pobre caixiña dando voltas intentando atopar a rampla de entrada á recepción no lateral das escaleiras, de súpeto escoiteime a min mesma falarlle ao robot como lle falo á miña cadela: “por aí non, pequecho, está detrás do muro”. E quedei mirando para el, e puxo olliños de corazón, e pensei que debería guialo até a rampla: “ven, ven bonito, ven”, dicíalle axitando as mans diante das súas cámaras, pero o pobre do bicho seguía dando voltas sobre si mesmo…

Chegou o noso taxi, tocaba volver a Manhattan. Mirei para o robot con pena, coma se fose un can abandonado, e pensei en entrar correndo á recepción do edificio para avisar de que había un robot perdido, pero o Xan, coma sempre tan cabal, dixo “é un robot Cris, xa se atopará”.

Non sei cales son as razóns polas que quedei triste pensando no seu destino, mais é curioso o rápido que nos adaptamos ao mundo que nos consume…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.