La Voz de Galicia – 8 de marzo, 2026 →
Hoxe quero falar da miña nai. Ou de todas aquelas nais desa xeración que, sen nada en absoluto ao que agarrarse, dérono todo para que nós, as súas fillas, tiveramos o que elas non puideron ter. De todas aquelas mulleres que, por nacer nunha realidade social ou económica concreta, non tiveron acceso á mellor educación posible pero que nos ensinaron que investindo nela poderías ter a opción de ser libre e independente que elas non tiveron. De todas aquelas nais que foron amas das súas casas, que sostiveron o peso dunha realidade complexa, pero que pouco ou nada reciben do estado para axudalas a ter unha vellez digna. Desa xeración de mulleres invisibles que construíron a nosa e que nunca pediu nada a cambio.
Pois neste mes de marzo, no que de súpeto recibo máis invitacións do habitual para falar da miña experiencia como profesional (algo que agradezo, pero que non deixa de ser curioso, pois son muller tamén o resto do ano), é cando mais penso no feito de que eu non me construín un camiño, senón que andei o camiño que ela me deixou listo: o que ela limpou, rozou, e asfaltou para nós, as súas catro fillas.
Ela, elas, son as que racharon eses “teitos de cristal” para que nós os puidésemos definir. Ela, elas, as que non puideron escoller, son as que reciben hoxe menos de mil euros para sobrevivir. Ela, elas, son ás que os bancos lles cobran comisións constantes e absurdas por calquera transacción. Ela, elas, ás que os médicos xa non escoitan, son as que merecen ser escoitadas acotío, porque sen o seu traballo nós non traballariamos. Sen elas non existiriamos nin nós, nin este día. E por ela, por elas, vai esta columna. Grazas a todas. Grazas mamá.