La Voz de Galicia – 28 de diciembre, 2025 →
Estes días de Nadal, durmindo na casa da miña nai, na que fora a miña habitación e a das miñas irmás, comecei a pensar naquela versión de min que quedou alí suspendida no tempo, e que se cadra xa non existe. Ou quizais si exista, na memoria dos outros, pero non na miña (esquecer dáseme bastante ben). Naquela cama, de súpeto sentín acougo, aínda que non sei moi ben por que. Quizais por decatarme de que xa non son a mesma que durmía alí de pequena, ou por ser consciente do camiño que me levou á persoa que son agora. Ou quizais por simplemente revisar ese camiño: o camiño dos erros, da aprendizaxe, da evolución, das cousas boas, das cousas malas, das cousas que deixamos atrás, das cousas que cargamos…
E a pesar de que son desas persoas que desfrutan do Nadal, tamén recoñezo que é un tempo complexo no que non sempre podemos estar onde queremos estar, ou non sempre queremos estar onde nos toca estar. Na casa da miña nai pensaba que non é doado conxugar eses sentimentos encontrados que hai entre o que queres facer e o que tes que facer, ou entre o que fuches e o que es. Pois esa versión de ti habita na memoria das cousas que deixaches atrás, naquel armario, naquela mesiña de noite, naquel libro, naquela foto familiar. E tamén habita nas persoas que, polas circunstancias que sexan (o tempo, a distancia, a vida) tamén quedaron atrás, ou seguen aí pero non recoñecen esta versión de ti… E nese espazo entre o que fuches e o que es, comezas a cuestionar o que serás, e desexas que en dez ou quince anos tamén sexas capaz de ver que o camiño que colliches, sexa cal for (o da pausa, o do cambio, o da evolución), levoute a ser máis xenerosa, ou mellor persoa.