Esperanza

La Voz de Galicia – 21 de diciembre, 2018 →

Cristina PatoPois xa chegou: xa pasou un ano, e xa estamos de novo no Nadal. Tódolos anos unha prométese a si mesma unha serie de propósitos que a meirande parte das veces non é quen de cumprir, pero que lle dan a unha a sensación de, polo menos, ter unha dirección cara á que ir: cara adiante e coa esperanza de que todo o que pase sexa un chisco conveniente. A esperanza é clave.

Segundo a Real Academia Galega, a esperanza é o «sentimento que fai crer que algo que se desexa pode chegar a realizarse». Para min a esperanza é o que nos deixa seguir vivindo, seguir creando soños e seguir pensando en futuro. É por iso que este ano, en vez de propósitos, vou ter esperanza. Ter a esperanza de que a nosa lingua non perda máis falantes, de que o galego, a lingua vernácula, sexa tamén a lingua vehicular. Ter a esperanza de que a igualdade non sexa tan só un titular en voga, senón unha realidade pola que merece a pena traballar. Ter a esperanza de que o noso pensamento non se deixe levar pola política extrema que está a tomar o mundo. A esperanza de que os refuxiados poidan atopar un lugar seguro, de que non haxa decenas de millóns de persoas que teñan que fuxir dos seus fogares para poder existir. De que baixe o limiar da pobreza. De que non haxa nin unha menos. De poder atopar momentos de felicidade cada día.

E aínda que ás veces é complicado simplemente pensar no futuro, estas datas axudan a unha a rexenerar a capacidade de soñar, para así poder ter a esperanza de que aparezan novas heroínas que sexan capaces de, como escribía Castelao, «trocar os anceios en realidades, as ideias en feitos».

1 Comment

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.