La Voz de Galicia – 11 de junio, 2021 →
A verdade é que, aínda que nalgunhas cousas estamos mellor que a xeración que nos precede, noutras semella que estamos peor. Se unha se para a pensar nos datos do desemprego xuvenil en España, que segundo Eurostat (a oficina europea de estatística) rolda o 38 % nos menores de vinte e cinco anos, faise difícil imaxinar a sensación de todos aqueles que pensaron que o seu futuro podería ser similar (ou mellor) á realidade dos seus pais.
Nese 38 % haberá infinidade de historias, infinidade de realidades sociais e culturais, e non é xusto tentar falar dun perfil concreto cando eses datos están a afectar a tantos e tan diversos. E aínda que os menores de vinte e cinco anos xa viviron dúas grandes crises (a do 2008 e a de agora), ninguén os preparou, nin a eles nin a nós, para aceptar as consecuencias dunha realidade tan desesperanzadora.
Tamén é difícil pensar que nesta Europa da que formamos parte haxa unha diferenza tan grande entre a taxa de desemprego xuvenil dos países que a conforman. Desde o 6 % de Alemaña até o 15% de Irlanda, pasando polo 23 % de Portugal, é como se o feito de formar parte dun todo non nos estea axudando a aprender un pouco máis dos outros. Segundo a páxina da Unión Europea, un dos obxectivos da UE é «favorecer un desenvolvemento sostible baseado nun crecemento económico equilibrado (…) nunha economía de mercado altamente competitiva con pleno emprego e progreso social». Está claro que algo estamos a facer mal, pois entre o noso 38 % até o 6 % de Alemaña hai un abismo. Pero eu quero pensar que, aínda que haxa esa diferenza, quizais tamén haxa esperanza, pois se eles poden, por que non nós? E logo non formamos parte desa utopía?