La Voz de Galicia – 9 de julio, 2021 →
Pensabamos que ter máis tempo para pensar, para reflexionar, faríanos máis sabios. Tamén pensabamos que despois de ter pasado unha pandemia, de ter que aprender a adaptarse a unha realidade incerta e cambiante, teriamos máis empatía. Imaxinamos que se eramos capaces de sobrevivir a algo tan triste e tan duro, acabariamos sendo mellores persoas. Pero a historia xa nos ensinou, demasiadas veces, que non aprendemos tanto dos grandes desastres, que a perda da memoria colectiva é unha das enfermidades culturais máis comúns da sociedade, e que por desgraza non ten cura.
Levamos milleiros de anos repetindo erros. Se cadra aprendemos algo de cada un deles, pois como di o Xan «sempre esqueces que estamos mellor do que estabamos hai cen anos». Pero se o mundo continúa sendo un lugar habitable, é grazas aos seres humanos invisibles que persisten practicando a bondade, o respecto, a xenerosidade e a amabilidade acotío. Porque os hai, e moitos. Pero por algunha razón non miramos para eles, ou non lles damos a mesma importancia que lles damos aos que practican o contrario.
Nos tempos nos que as noticias están deseñadas para «pescarnos», para que «caiamos» nas súas redes (esas que fan do noso clic o seu mercado), pregúntome que pasaría se en vez de amplificar aos violentos e desapiadados, amplificaran aos outros, aos seres que fan as cousas tan ben coma poden… Nos días nos que unha perde a esperanza na condición humana (que é o que nos leva a ser tan violentos?), intento buscar noticias sobre aqueles que fan da nosa existencia algo mellor, para así non deixarme levar pola asoballante forza da violencia que impera nas redes que dominan as nosas vidas.