Hacer amigos

La Voz de Galicia – 27 de septiembre, 2024 →

Cristina PatoÉ curioso pensar no complexo que é facer amigos cando nos facemos maiores e ao mesmo tempo pensar na epidemia da soidade que nos rodea constantemente. É dicir, sentímonos sós, pero tampouco somos capaces de cultivar amizades. E non falo dos amigos íntimos, eses que contamos cos dedos dunha soa man e que nos acompañan sempre a pesar das nosas incongruencias, senón dos novos amigos que de súpeto te levan a aprender outras cousas, a ver o mundo desde outra perspectiva, a coñecer outras realidades.

Coido que cultivar esas amizades implica moitos factores que non sempre están ao alcance da nosa man. Un deses factores é o tempo, máis ben a «pobreza de tempo» que se define como «a sensación crónica de ter demasiadas cousas que facer e non ter tempo suficiente para facelas». Esa pobreza de tempo ás veces fai imposible que poidamos investir o pouco tempo libre que nos queda en xogar á lotaría da amizade, en dedicalo a alguén que non coñecemos aínda… Outros factores son os recursos e a enerxía; pois se as dúas partes interesadas tiveran algo de tempo para cultivar esa posible amizade, tamén terían que ter os recursos para xuntarse, para tomar algo, para facer cousas xuntos fóra do seu mundo habitual, e sobre todo enerxía, moita enerxía.

A miña profesión anterior levábame a coñecer xente constantemente. Pero agora, traballando pola miña conta, no meu recuncho particular, son máis consciente ca nunca do importante que é obrigarse, de cando en vez, a facer tempo para ser social fóra do círculo de cada un. Porque cando ese círculo no que nos movemos non varía nin crece, a nosa existencia, sen querelo, vaise facendo, pouco a pouco, menos rica e máis pequena.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.