La Voz de Galicia – 25 de octubre, 2024 →
Todas as mañás, cando vivía na casa dos meus pais, almorzabamos coa radio. O meu pai tiña a súa emisora posta nun vello transistor, e co leite e as galletas diante escoitabamos e riamos xuntos coa radio, pois era un deses programas matutinos que, entre outras cousas, tiña moita música e moito humor. Cando marchei a estudar fóra seguín enganchada á radio, e aínda hoxe, cando escoito algunha das cancións que se puxeran de moda naquela época, emociónome pensando no meu pai e máis eu na cociña, cantándoas desafinados ás sete da mañá antes de comezar o día.
A miña relación coa radio é unha relación íntima. Nos anos nos que andaba constantemente de viaxe, durmía sempre con ela. Cando fago a limpeza da casa sempre me acompaña ela. Se estou soa no momento da ducha, tamén me ducho con ela. A radio faime compañía, é coma unha extensión da miña vida privada, unha banda sonora do cotián. E aínda que sigo sen ter televisión na casa, cando vén a miña nai a pasar tempadas comigo sinto que para ela é a televisión a que é fundamental para ter un pé posto no mundo, para sentirse conectada e acompañada. A televisión complétalle a vida nunha sociedade que, a miúdo, ten aos maiores como seres invisibles. A miña irmá Yoly e máis eu sabemos cales son os programas que fan rir á nosa nai, os que a fan sentir ben, e desde a distancia intentamos que na súa soidade cotiá estea ben acompañada. Escoitaba dicir un día ao humorista e presentador Roberto Vilar que o éxito para el era poder facer compañía á xente, e a verdade é que, hoxe en día, a televisión que acompaña, a que fai sorrir e aprender, é un piar esencial para unha parte moi importante da nosa sociedade.