Heredar la culpa

La Voz de Galicia – 11 de octubre, 2024 →

Cristina PatoCoido que tería eu vinte anos cando fun ver a representación da obra de teatro Nacidos culpables no Teatre Lliure de Barcelona, unha obra de Moma Teatre sobre o libro homónimo de Peter Sichrovsky. Un libro que recolle as testemuñas de fillos e netos de nazis «que herdaron unha culpa que non é a súa e que os acompañará durante toda a súa vida». Daquela a obra impactárame profundamente, polo seu carácter documental, polo seu significado, e polo feito de que, aos meus vinte anos, nunca me preguntara nada sobre a culpa herdada. E precisamente diso me acordei ao ler a última novela do gran Juan Tallón, pois o personaxe principal de El mejor del mundo, un ambicioso empresario do sector funerario, chámase Antonio Hitler, e, aínda que non ten relación co Hitler do Holocausto, o seu apelido pesa nel, e dalgún xeito herda a maldade e o afán que implica cargar con ese apelido.

É curioso, pois non sempre somos conscientes de todas as cousas intanxibles que herdamos sen decatarnos. De como herdamos ou cargamos coa pobreza ou a riqueza dos nosos devanceiros, de como herdamos o odio ou o amor a determinadas cousas, lugares, estados… Pois, queiramos ou non, a nosa existencia sempre vai ligada tanto ás circunstancias que nos rodean como ás que rodearon aos nosos antepasados.

E lendo o periódico nestes días sinto vertixe ao pensar nas cousas que herdarán as seguintes xeracións da nosa sociedade actual. E intento imaxinar unha realidade na que constrúen un mundo no que sexa imposible herdar nin as guerras nin a mesquindade…

Que fermoso sería, aínda que fora por un segundo, recuperar a esperanza na condición humana e non sentir a culpa do que lles espera…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.