Horas restantes

La Voz de Galicia – 26 de enero, 2023 →

Cristina PatoHai días nos que, non sei como, marchan as horas voando. E non para ben. Marchan sen ter feito nada do que tiña pensando facer, ou nada do que quería facer, ou nada do que debería facer.

Marchan escribindo correos electrónicos inútiles, que ao único que me levan e a ter que escribir máis correos inútiles, nunha cadea infinita de malentendidos entre todas as persoas que teñen que recibir eses correos. Pois os requisitos son que os teñan que recibir todas esas persoas, aínda que ningunha delas asuma a responsabilidade de ler toda a cadea con detemento. As horas tamén marchan cubrindo formularios imposibles de entender, que semella que están feitos para confundir a unha (ata penso que as persoas que os deseñan teñen unha incontida paixón polos xeroglíficos). Formularios que quizais sexan doados para aqueles que se dediquen a eles a tempo completo, pero que para min son incriblemente complexos, e que me producen unha inexplicable ansiedade mesmo cando o único que teño que pór neles é o meu nome e a miña dirección. Outro xeito que teñen de marchar as horas correndo é pedindo unha cita para algo oficial, tanto por teléfono como por internet, ás veces é simplemente imposible. Ou perseguindo os cartos que xa eran teus antes de gastalos, como cando unha institución ten que reembolsar unha serie de gastos e tes que subir os recibos a unha aplicación imposible de navegar…

E nos días nos que marchan as horas así, a unha non lle queda nin forza nin enerxía para utilizar as horas restantes en cousas que a fagan sentir menos súbdita desta burocracia absurda que nos impoñemos acotío (nós a nós mesmos). Pois esas horas restantes son realmente as nosas vidas…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.