Hoy y mañana

La Voz de Galicia – 11 de septiembre, 2020 →

Cristina PatoSemella que xa hai centos de vacinas experimentais contra a covid-19, e que unha parte delas xa están sendo probadas en humanos. E tamén semella que, malia as presas, as vacinas non chegaran a nós, os mortais, até «mediados do 2021». Iso é o que di a OMS hoxe. A ver que di mañá.

Antonte había unha esperanza na vacina de AstraZeneca e a Universidade de Oxford, e agora supoño que será na de BioNTech-Pfizer, ou na de Johnson & Johnson, ou na de Moderna… Pois iso é o que sabemos hoxe. A ver que sabemos mañá.

Hoxe e mañá, hoxe e mañá. Acho que, como sociedade, nunca tivemos tan claro que as cousas poden cambiar tan radicalmente de hoxe a mañá. Cada día hai un novo exercicio de cambio, no cotián e no xeral, no individual e no colectivo. E despois de seis meses seguimos pensando que a vacina contra a covid-19 devolveranos as nosas vidas, e que mentres non chegue pois só queda esperar, e de paso aprender hoxe o que teremos que desaprender mañá. Pero non sabemos nin como nin cando chegará, nin como de efectiva será, nin que faremos cando veña a seguinte versión dalgún outro virus…

Hai días, coma hoxe, nos que comezo cunha espiral de preguntas que sempre empezan por «e se»: «e se enferma o Xan?», «e se non chegamos?»… Preocúpome por todo, e de súpeto esquezo que o único xeito que teño de avanzar é apartando moitos deses pensamentos e imaxinando que mañá será outro día. Hoxe e mañá. Hoxe e mañá.

A posible vacina da covid-19 é unha esperanza para a sociedade, pero se deixamos que a tristura, a impotencia e a desesperación se asenten nas nosas vidas, non haberá vacina no mundo que poida curar os nosos males.

Cantas cousas se poden sentir nun só día…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.