Identidad

La Voz de Galicia – 17 de mayo, 2024 →

Cristina PatoHai días nos que penso que os dous millóns setecentos mil habitantes de Galicia probablemente teñamos dous millóns setecentos mil xeitos de celebrar e interpretar a nosa identidade. E que é realmente a nosa identidade cultural? Pois supoño que para esa pregunta tamén haberá dous millóns setecentas mil respostas. Por moito que as marcas, as institucións e nós mesmos nos empeñemos en definirnos en poucas palabras, coido que non hai mellor problema que entender a nosa identidade como algo tan complexo coma cada un de nós. A definición do que somos da miña nai, a de Berredo, nada ten que ver co retrato que pintaba o meu pai, o de Armariz. A definición de galeguidade da miña irmá Teté, a que vive en Madrid, nada ten que ver coa da Yoly, en Trives, ou coa da Raquel, en Ourense; e especialmente coa miña, neste «lugar de entremedias» que escollín para definirme.

Ás veces, cando escoito falar galego ás catro irmás, penso que vimos de catro mundos diferentes. O galego de Teté, a de 1967 (a maior), e o meu, a de 1980 (a pequena) son dúas linguas dentro da mesma lingua. E o mesmo pasa con todo o que nos define. Que é música galega? Para a miña nai, Ana Kiro, para o meu pai o Cuco de Velle, para Teté Golpes Bajos, para Yoly Berrogüetto, e para Raquel e para min é unha longa historia, porque as dúas, por tocar a gaita, interpretabamos a identidade. E que é literatura galega? Pois hoxe celebramos, segundo a RAG, a «exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua». Celebramos as letras galegas, e con elas eu quero celebrar a beleza da diferenza, os múltiples xeitos que temos de expresarnos na nosa lingua e as múltiples maneiras de sermos galegos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.