Impotencia

La Voz de Galicia – 22 de julio, 2022 →

Cristina PatoUn ano máis sentimos a triste impotencia de non saber que facer para axudar. Os montes arden, e milleiros de persoas ven como desaparece unha contorna chea de vida para dar paso a unha chea de cinzas. E por desgraza intuímos que isto so é o principio dunha nova tempada de incendios, pois temos a experiencia do ano pasado, e do anterior, e de hai un lustro, e unha década. Galicia, unha vez máis, queimada.

Supoño que se comezamos a buscar culpables, cada un, segundo o seu discurso, verá a causa nunha razón diferente, e a solución en ningunha parte. Pois cando o culpable é o outro (as administracións, os pirómanos, o cambio climático, etcétera), deixamos de sentir que nós tamén somos, dalgún xeito, responsables. Pregúntome que significa a responsabilidade social no contexto dos incendios en Galicia. Pregúntome se como sociedade estamos a facer o necesario para, polo menos, reflexionar sobre as razóns que nos levan a que todos os anos se repitan as imaxes de tristura, negrura, cinza e desolación. Pregúntome que podemos facer para contribuír a que isto non acabe sendo algo que aceptamos como unha desgraza máis, que se repite cada verán, e que está fora do noso control, coma un virus. Pois cando todos os mecanismos fallan, polas circunstancias que sexan (políticas, históricas, económicas ou sociais) a única esperanza que queda somos nós, os individuos. E quizais o máis complexo é non saber realmente como podemos asumir a responsabilidade de salvar o futuro dos nosos montes, da nosa terra. Pois, cales son as nosas ferramentas? E como podemos comezar a utilizalas para que ese verde cheo de vida que tanto nos define non remate sendo unha imaxe do pasado?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.