Inercia

La Voz de Galicia – 14 de junio, 2019 →

Cristina PatoA Esmorga é probablemente un dos textos da literatura galega que máis me impactou na adolescencia. Lembro a miña obsesión coa obra: a trama sucedía ao redor da casa na que me criei, e podía visualizar case tódolos espazos nos que pasaba algo. Parecíame fascinante poder estar tan preto dos protagonistas dunha novela. No meu camiño cara o instituto pasaba acotío polas rúas da Esmorga, e a vida do Ourense vello dos anos noventa non semellaba tan diferente á realidade representada na obra de Blanco Amor. A contorna facía aos personaxes, e era unha personaxe máis.

O Ourense de hoxe é diferente ao da Esmorga, pero a nosa contorna segue a ter problemas graves de difícil solución. Somos relativamente invisibles e estamos na cabeceira dun dos índices máis sinistros: a provincia máis avellentada de España, cun perfil demográfico de saldo tan negativo que xa chegou aos ouvidos da UE. E seguimos sen atopar unha solución aos nosos problemas, a pesar de que fomos, e somos, unha fonte de talento en tódolos eidos da sociedade.

A curiosa situación política da miña cidade, que en certo modo non deixa de ser un paradigma da situación política a nivel global, fai que unha se pregunte cantas solucións aos nosos problemas están nas mans dos nosos políticos e cantas están nas da sociedade. Cando escribo sobre este tema penso en quen son eu para opinar, pois coma tantos outros tamén marchei, e aínda por riba nin teño fillos nin os terei. Eu son parte do problema pero, son culpable tamén? É a nosa contorna a que nos fai, ou somos nós, os personaxes da nosa novela, os que non somos capaces de unirnos dunha vez para atopar unha solución e comezar a avanzar?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.