La Voz de Galicia – 15 de febrero, 2019 →
Dixo algo así coma «un dos xeitos cos que sobrevivimos é practicando o esquecemento; eu teño mala memoria porque levo a meirande parte da miña vida tentando non lembrar». A que falaba na radio era Tarana Burke, a activista e fundadora do movemento Me Too, aló polo ano 2006 (si, o Me Too existiu antes de que Twitter o popularizara). E aínda que ela falaba dentro do contexto dos abusos sexuais, pois é unha sobrevivente, a verdade é que me fixo pensar moito nos xeitos que temos de esquecer, como individuos e como sociedade, para poder seguir cara adiante. Pois a discriminación e o abuso non son só unha cuestión de xénero.Sen dúbida queda moito camiño por andar para chegar á igualdade, e queda moito por aprender e por escoitar. O proxecto de Laura Bates, a feminista británica fundadora do portal Everyday Sexism (algo así coma Sexismo cotián), fainos reflexionar sobre canto de cotiá é a discriminación en tódalas sociedades nas que nos movemos. Discriminación en tódolos sentidos, non só de home a muller: discriminación por cor de pel, por orientación sexual, por idade, por capacidade, por identidade cultural… Semella que o mundo está preparado para un só tipo de ser humano, e que tódolos demais teñen que se adaptar a ese perfil e a aprender a esquecer as pequenas inxustizas diarias para poder sobrevivir.
Pero non debería ser así, non? Deberiamos ser capaces de mudar polo menos a conversa, quizais con pequenos actos de amabilidade (que non deixan de ser pequenos xestos de rebeldía). Deberiamos ensinar (e aprender) a Escoitar para que así os que exercen o seu poder e privilexio poidan saber cales son as esquecidas inxustizas do 99 % da sociedade.