Injusticias

La Voz de Galicia – 9 de Marzo, 2018 →

Cristina PatoCinco mulleres e un home: esa era a realidade da miña familia. Sete mulleres e un home: esa era a realidade da familia da miña nai. As mulleres da miña familia, coa súa maioría absoluta, eran as miñas «brillantes activistas da vida cotiá», citando o verso de Guadi Galego da súa obra mestra Matriarcas (toda unha oda á realidade feminina). Supoño que por crecer rodeada de mulleres superviventes tardei moito en decatarme de que fóra do meu universo particular, elas eran completamente invisibles. Máis invisibles aínda se tiñan algún tipo de discapacidade.

Se eu tardei tanto en ver a falta de visibilidade, respecto e agradecemento que sufrían as mulleres das realidades que eu coñecía, non podía imaxinar o que estaba a pasar coas das realidades que non coñecía. A xornalista Montse Dopico escribira hai uns anos un esclarecedor artigo sobre «o mito do matriarcado» en Praza. A premiada curtametraxe de Álvaro Gago, Matria, explora precisamente ese mito a través da vida dunha muller, Ramona. Nun dos vídeos previos á rodaxe, director e protagonista falan das razóns polas que facer un proxecto así: «Que a xente reflexione sobre as que traballan e están á sombra». A idea de «un día sen mulleres» naceu para facer visible o invisible: as inxustizas, o desamparo, a sobrecarga. O ano pasado sumáronse á iniciativa 50 países, e este ano aínda non o sei, porque estou a escribir a columna o 7 de marzo.

A miña nai obrigounos a dar o mellor de nós. Quería que tivésemos unha vida independente e que poidésemos escoller as nosas opcións. Con nós ela fíxose invisible, e por iso doe máis ler no xornal que as mulleres da súa xeración reciben case un 40 % menos de pensión pola súa xubilación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.