Intuición

La Voz de Galicia – 28 de enero, 2022 →

Cristina PatoA verdade é que nunca escoitara esa idea descrita dese xeito. Era no contexto dun deses documentais que ás veces escollemos o Xan e mais eu para que nos abran a porta a cousas das que non sabemos nada. O de onte foi Stuntman: El Especialista, que segue un capítulo da vida de Eddie Braun, un especialista en escenas de risco que leva catro décadas traballando como dobre nas películas de acción máis populares de Hollywood. E aínda que sería fermoso reflexionar sobre a profesión en si, pois hai algo fascinante nas razóns que os levan a querer facer o que fan sabéndose invisibles, a idea coa que me quedei foi un concepto que describen brevemente no medio do documental, a noción do SWAG: Scientific Wild Ass Guess. E agora que o penso ten difícil tradución, e non coñezo unha expresión similar na nosa lingua, pero ao que fan referencia esas catro palabras e ao feito de que os especialistas, ademais de formarse física e mentalmente para o seu traballo, tamén confían profundamente no que a súa experiencia lles ensina, e en especial, na intuición relacionada coa experiencia.

E entón pensei na palabra intuición e na súa definición, e no xeito que temos de aceptala ou de negala, e no moito que se ten escrito sobre ela. E logo pensei na miña nai, que, como tantas outras, construíron as nosas vidas seguindo precisamente ese criterio, o da intuición relacionada coa experiencia. Pero á diferenza dos especialistas do documental, a experiencia da que aprendía a miña nai non era a súa, senón a dos demais, pois aprendeu vendo e escoitando, e a través diso intuíu os pasos necesarios para que nós tiveramos voz na mesma sociedade que as fixo a elas invisibles.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.