La Voz de Galicia – 10 de maio, 2019 →
Ia no metro medio durmida, abrín os ollos e vino alí sentado, en fronte de mín. Co seu casco de obra, o seu mono de traballo cheo de pintura, unha bolsa de ferramentas no chan e unhas botas que semellaba que tiñan centos de obras de historia. Tiña un caderniño de notas na man, e cun bolígrafo medio roto estaba a copiar algo do anuncio que eu tiña sobre a miña cabeza. Calculeille uns sesenta anos longos, máis preto dos setenta. Tres paradas despois, ao chegar á miña e levantarme para saír do metro, vin o anuncio que estaba enriba de mín, e vin o que el estaba a copiar no seu caderniño: «Queres ser un profesional da música? Queres producir un disco? Na academia X podemos axudarche a conseguir os teus soños». Entón pensei na historia que podería haber detrás dese home, en se querería ser músico ou se estaría a tomar nota para pasarlla ao seu fillo ou filla ou neto ou neta. E imaxinei que os datos serían para un neto. E visualicei o momento no que este home chegaba á súa casa e compartía esta información coa súa familia. E emocioneime.Se hai algo fermoso de vivir entre dous mundos coma Nova York e Galicia é poder apreciar as diferenzas entre os modos de vida segundo as diferentes xeracións. Nova York é unha cidade cruel: chea de oportunidades para os que teñen a forza para aproveitalas, pero incriblemente agresiva para a supervivencia. Ser vello en Nova York é un traballo de fondo. Aquí é normal ver obreiros, bibliotecarias ou limpiadores de máis de setenta anos traballando. Aquí, sobrevivir con dignidade é un acto heroico. Aquí a xubilación non é un dereito. Pero polo camiño que imos nós, en Galicia, no 2040, tampouco o será.