La Voz de Galicia – 1 de Setembro, 2017 →
Pasamos o día tomando decisións: dende as máis banais, coma escoller a roupa do día, até as difíciles, as que fan que cambie o curso da nosa vida profesional ou da nosa existencia. De xeito consciente e inconsciente, o noso percorrer ven guiado por estas decisións constantes e a nosa capacidade para tomalas.
No ano 1990 publicouse o libro de Stephen Nachtmanovich Free Play: a improvisación na vida e na arte no que, entre outras cousas, fala da idea de que a improvisación e a creatividade non é so terreo de artistas, senón que forma parte das nosas vidas. Segundo Nachtmanovich, nas interaccións diarias «todas as conversas reflicten a actividade da improvisación como unha función básica da vida».
E é que para improvisar na música, por exemplo, unha adquire primeiro un dominio da linguaxe e logo comeza a viaxar sobre e arredor dela, e na vida, a meirande parte destas decisións que tomamos a diario son tamén froito da improvisación. Temos adquirido unha linguaxe básica de como debemos falar e proceder en cada momento, e unha vez acumulamos experiencia vital, sentímonos máis libres de improvisar ao redor das pequenas e grandes decisións cotiás.
Unha das perdas na realidade de persoas con enfermidades cognitivas (alzhéimer e outras demencias) é precisamente esa capacidade de improvisar na toma de decisións do día a día, cando a perden convértense en dependentes. E un dos meus exercicios favoritos é improvisar xeitos para re-orientalos, pois nese proceso encontra unha as respostas ás preguntas que nunca se fixera e nace de súpeto un novo xeito de entender o papel da improvisación na nosa existencia. Pois non podemos esquecer que se nos deixamos levar pola indolencia, nos tamén perdemos esa capacidade…